María Rey esixe sancionar a César Abal por filtrar á prensa información sobre ela e a súa ex parella
Por Alejandro Espiño
Un episodio ameaza con enturbar as relacións entre os membros da corporación. Polo menos, entre o PP e Cidadáns. María Rey presentou un escrito no que reclama a apertura dun expediente sancionador contra César Abal, ao que considera autor dunha falta "moi grave" por filtrar á prensa un expediente municipal con información sobre a súa ex parella.
Todo parte da pasada campaña electoral. O pasado 16 de xuño, o xornal ABC publicaba que María Rey, candidata de Cidadáns ao Congreso pola provincia e concelleira na capital, foi multada no ano 2014 por falsificar un cartón de estacionamento para aparcar en prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, cando a sanción era por usala de forma fraudulenta non pola suposta falsificación.
A cuestión é, como accedeu ABC a esa información? María Rey teno claro. Calquera persoa que queira consultar un expediente no Concello debe asinar nun rexistro e o edil do PP "foi o único que accedeu a el" antes de facerse público na prensa. "Tivo que ser el, supostamente, o que o enviou ao xornal", asegura a edil. "Todo isto terase que clarificar", engade en conversación con PontevedraViva.
Este feito, segundo María Rey, incumpriría as leis de transparencia e protección de datos, xa que o coche sancionado estaba a nome da súa ex parella -igual que o expediente- e os datos facilitados á prensa "son doutra persoa que non son eu". Ademais, Abal tamén violaría, segundo entende a portavoz de Cidadáns, o "deber de sixilo" que teñen que respectar todos os concelleiros da corporación municipal.
"É un ser rastrero", asegura Rey sobre César Abal.
María Rey reitera que "baixo ningún concepto" se pode permitir que un edil da corporación municipal "utilice o seu cargo en beneficio do seu partido" e espera que a partir de agora "todos sexan conscientes e saiban o que implica o cargo de concelleiro", de forma que a información á que teñen acceso pola súa responsabilidade política "non se utilice máis nada que para os temas que recolle a lexislación" de control e seguimento do goberno municipal.
A apertura deste expediente sancionador, segundo puido saber PontevedraViva, foi solicitada ante a comisión de Réxime Interior e Persoal deste mércores. Un informe do secretario do pleno determinará se se admite a trámite esta petición.
En todo caso, María Rey advirte que este "só é o primeiro paso dos que vou dar". A portavoz de Cidadáns avanza que toda a documentación relativa a este asunto está xa en mans dos seus avogados, que estudarán presentar unha "demanda ou unha querela criminal" contra César Abal e contra o medio que publicou a información, o xornal ABC.
O PP PÍDELLE QUE NON BUSQUE CULPABLES E ASUMA O SEU ERRO
Con respecto a este asunto, no PP non saen do seu asombro. Lamentan que María Rey acuse a César Abal "sen ter proba algunha" e lembran que o "único feito obxectivo" é que durante catro meses a portavoz de Cidadáns "usurpou" as prazas de aparcadoiro reservadas para persoas con mobilidade reducida, unha cuestión sobre a que "debe asumir a súa responsabilidade política e persoal".
Xunto con esta acción "reprobable", os populares esixen a María Rey que pida perdón e que "non mire para outro lado" ante estas irregularidades denunciadas nos medios de comunicación, xa que consideran que é "lamentable" que trate de buscar culpables "dun erro que ela mesma cometeu". Ademais, critican que faga uso do seu partido político e do seu cargo como concelleira para responder ante algo "alleo" á corporación.
Relacionadas:
-
Arquivan a denuncia presentada por María Rey contra César Abal
Por Alejandro Espiño |
-
César Abal agarda que María Rey ofreza desculpas e unha explicación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O Concello dá luz verde ao expediente sancionador a César Abal a instancias da edil de Cidadáns
Por Oskar Viéitez |
-
Unha polémica ao redor de María Rey enturba a campaña
Por Natalia Puga |