O Salcedo denuncia un novo roubo no campo do Casal por valor de 490 euros
Por Diego Espiño
O campo do Casal foi obxecto dun novo roubo nas súas instalacións, segundo denunciou ante a policía a directiva da Sociedad Cultural Deportiva Salcedo.
Segundo recolle a denuncia, presentada polo presidente do club, José Antonio Barreriro, os cacos accederon ás instalacións deportivas na noite do 11 ao 12 de febreiro, podendo facelo ou ben saltando o valado de acceso ao campo ou a través dun pequeno oco neste, forzando despois o fecho do almacén de material deportivo e da cantina.
O Salcedo bota en falta 20 balóns, unha bomba de aire e un xogo de conos para adestramentos, ademais de diferentes latas de refresco, gominolas e diversos alimentos, todo iso cun valor aproximado de 490 euros.
Por se fose pouco, na denuncia tamén se citan danos no fecho dos vestiarios que se terían producido dúas noites despois.
Dende o club aseguran estar cansos destas situacións, que se dan "entre cinco e oito veces por tempada", como recoñece a secretaria da entidade Amelia Barreiro, "o peor xa non é o material que nos rouban, que nos supón ter que volver compralo e perder a realización de adestramentos, senón os estragos que se realizan".
Os danos súmanse ao mal estado xeral dunhas instalacións que comparten ata 120 nenos nas diferentes categorías inferiores do Salcedo, e que motivaron a petición reiterada da entidade de lograr a construción dun novo campo, "vémonos novamente pedindo ás institucións que nos faciliten unhas instalacións axeitadas, co noso campo así é imposible levar adiante un club".