Telmo Martín propón instaurar a zona azul en Sanxenxo e Portonovo durante o verán
Por Alejandro Espiño
Para Telmo Martín un dos asuntos que está a provocar que a organización do verán en Sanxenxo estea resultado un novo "fracaso" do tripartito son os problemas de aparcadoiro.
Pero fronte á falta de "ganas, ideas y liderazgo", o portavoz do PP asegura ter a solución para resolver a carencia de prazas de estacionamento: instaurar a zona azul nas áreas libres de aparcadoiro nos núcleos de Sanxenxo e Portonovo.
Esta proposta, asegura o concelleiro popular, apenas tería custo para o Concello e sería "beneficiosa" para o comercio e a hostalería local.
Telmo Martín defende que esta medida, que só se aplicaría no verán, supoñería converter estas zonas de aparcadoiro en áreas rotativas, entre as dez da mañá e as once da noite. Tería un prezo "simbólico" cun máximo dun euro por dúas horas e media de estancia, o tempo máximo que estaría permitido. Sería gratuíto durante 45 minutos.
Ademais, o líder da oposición sinalou que o tripartito "ha vuelto a fracasar" na xestión das praias e responsabilizou ao goberno municipal da perda de ata seis bandeiras azuis, coas tres ás que renunciou nos últimos días, as de Pragueira, Lapa e Areas Gordas.
Esta mala xestión fíxoa extensible á feira de artesanía de Portonovo "que tendría que estar funcionando desde principios de julio" ou o que está a ocorrer no porto deportivo, onde xunto co "fracaso" do aparcadoiro na Praza do Mar, responsabiliza ao tripartito dos "excesos inaceptables" que se están permitindo e que "dañan gravemente la reputación del municipio".
De todo iso, Telmo Martín fai responsables ao alcalde, Gonzalo Pita, e á concelleira de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez Búa, que son os que "peor parados salen" porque, segundo o portavoz do PP, "lo han hecho mal y no salen a reconocerlo", senón que se limitan a "salir en fotos y dar excusas de mal gestor".