Ana Pastor, nova presidenta do Congreso dos Deputados
Por Alejandro Espiño
Tal e como se prevía, en función de como se situaron os grupos políticos nas últimas horas, Ana Pastor, ata hoxe ministra de Fomento, é a nova presidenta do Congreso dos Deputados para esta duodécima lexislatura. Foi elixida este martes, o día previsto para a constitución da nova cámara tras as pasadas eleccións xerais do 26 de xuño.
Ana Pastor, cabeza de lista do PP por Pontevedra o 26-X, recibiu 169 votos a favor para converterse na presidenta do Congreso, os que emitiron o PP e Ciudadanos tras o pacto alcanzado entre ambas as formacións. Ademais, tamén lle axudou as abstencións de ERC, CDC, PNV, Bildu e Coalición Canaria.
O candidato do PSOE, Patxi López, quedou con 155 apoios. Foi apoiado polos deputados socialistas e polos de Unidos Podemos -salvo un dos seus membros-, que optaron por el despois de que o seu propio candidato, Xavier Doménech, caese en primeira volta.
Tras ser proclamada como presidenta, Pastor recibiu desde o seu escano os aplausos dos seus compañeiros do PP e de Ciudadanos, así como do secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez.
No seu primeiro discurso á fronte da Cámara Baixa, a deputada pontevedresa expresou a súa confianza en que esta nova lexislatura sexa "próspera y fructífera" e espera que o Parlamento sexa "generador de los consensos necesarios".
"Necesitamos más que nunca estabilidad, más que nunca consenso y más que nunca diálogo, y en esta mesa tendrán la máxima disposición", destacou Pastor que mañá acudirá á Zarzuela para informar ao Rei da constitución das Cortes.
A presidenta do Congreso insistiu ademais na necesidade de que todos os partidos traballen para chegar a acordos "lo más pronto posible" para que haxa "un gobierno estable en España".
A elección de Ana Pastor non estivo exenta de incidentes. Un invitado na tribuna do Congreso gritou un sonoro "Ana Pastor insolidaria" mentres lanzaba un panfleto reclamando xustiza para as vítimas do accidente do tren de Santiago de Compostela.