Non hai paro entre os conservadores?
Por Oskar Viéitez
Deputación ofertou 269 prazas de becario que serán ampliadas nunha segunda fase ata cincocentas. Trátase de empregos de seis meses dirixidos para titulados universitarios, sen experiencia laboral, que percibirán o 60% do salario base do posto que ocupen. Presentáronse 12.908 solicitudes.
A xefa do departamento de Recursos Humanos da institución, María Jesús Torres destaca que "un número importante de candidatos son doutras provincias galegas e doutras comunidades autónomas".
Pero o máis sorprendente foi que as prazas de restauración e conservación de bens culturais quedaron desertas, curioso se temos en conta que a Escola Superior de Restauración atópase en Pontevedra.
A próxima semana publicarase na pagina web da Deputación a lista de admitidos e de excluídos e tralo prazo de reclamación preceptivo, técnicos provinciais e membros da Universidade de Vigo procederán a realizar as entrevistas persoais que completarán o proceso de selección.