Os socialistas denuncian o reparto "caciquil" da Xunta das axudas polos danos do temporal
Por Redacción
Ao fío das axudas dos temporais, entregadas este martes pola conselleira de Medio Rural en Pontevedra, os socialistas acusan al presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de actuar de forma "caciquil" repartindo os cartos só entre catorce concellos, todos eles gobernados polo PP, deixando fóra ao resto dos que as solicitaron.
Nun comunicado, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Pontevedra, Santos Héctor, recordou que foron un total de 33 concellos da provincia os que no mes de marzo presentaron, a través da Federación Galega de Municipios (Fegamp), reclamacións polos danos dos temporais por valor de máis de 4,5 millóns de euros.
"O noso estupor é cando agora vemos que a conselleira de Medio Rural fai unha xira en Vigo e Pontevedra para firmar só con catorce alcaldes convenios para arranxar camiños afectados polas chuvias do inverno. Catorce concellos todos gobernados polo Partido Popular", subliña o voceiro socialista.
Para o voceiro socialista "isto non ten outro nome que unha clara cacicada de Núñez Feijóo e do Partido Popular", porque asegura que a Xunta entrega estas axudas "sen ningún tipo de convocatoria pública, sen ningunha transparencia e en plena precampaña electoral.
O secretario xeral dos socialistas da provincia subliña ademais que destes catorce concellos seleccionados pola Xunta "dos cales descoñecemos os criterios empregados para a súa inclusión nas axudas por parte do goberno de Núñez Feijóo" hai catro que nin sequera no pasado mes de marzo notificaron ter problemas nas súas infraestruturas polos temporais.
Incluso da preselección que fixera a propia Xunta no mes de abril das obras que podía subvencionar o abeiro da reclamación feita pola Fegamp, "agora son os concellos gobernados por forzas que non son o PP os únicos que quedan fóra destas axudas extraordinarias", entre eles Caldas de Reis e Ponte Caldelas.
Por todo isto, Santos Héctor avanza que vai a poñer en mans dos servizos xurídicos este reparto de axudas extraordinarias feita pola Consellería de Medio Rural "xa que son un auténtico escándalo".