Deputación mellorará a mobilidade peonil no ámbito do porto de Campelo
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio colaborarán afrontar unha actuación que permitirá mellorar a mobilidade peonil no ámbito do porto de Campelo.
Así quedou definido nunha xuntanza que mantiveron este martes o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, e varios técnicos provinciais cos concelleiros de Poio, Xulio Barreiro e Gregorio Agís, e coa deputada provincial e tamén concelleira, Chelo Besada.
Ambas administracións estiveron de acordo en promover esta actuación e aproveitar a senda peonil realizada por Costas para continuala no tramo de titularidade provincial.
Na mesma xuntanza tamén se tratou a solicitude do colectivo Pedaladas de realizar un itinerario ciclista entre Combarro e Pontevedra. Neste punto, tanto a Deputación como o Concello acordaron estudar a viabilidade desta solicitude. O estudo contemplará a posible realización dunha senda peonil, que garanta a convivencia entre os diferentes sistemas de desprazamento nesta vía e permita recuperar espazos para as persoas.
Por último, a xuntanza tamén foi aproveitada para analizar as necesidades de reformulación do proxecto da estrada Portosanto-Campelo e plantexar actuacións racionais e en consonancia cos criterios de mobilidade sostible que se están promovendo desde o organismo provincial.
A reformulación do proxecto incluirá, polo tanto, as medidas que os técnicos determinen en cuestións relativas ao calmado do tráfico, á seguridade viaria, ás necesidades dos colectivos máis vulnerables, e o respecto á singularidade da contorna.
Os representantes do Concello de Poio estiveron de acordo en que a Deputación reformule o proxecto e fixouse un prazo orientativo de dous meses aproximadamente para unha nova xuntanza, na que se revisaría o proxecto xa reformulado.