Mover un valado de restricción de tráfico da Policía Local conleva 3.000 euros de multa
Por Redacción
Ollo se quere acceder a algún punto da cidade no que se atopa un valo instalado pola Policía Local. Se decide movelo ou manipulalo dalgunha maneira e é detectado polos axentes será sancionado cunha multa de 3.000 euros ao incorrer nunha infracción moi grave do Regulamento Xeral de Circulación.
Así o advertiu a Xefatura da Policía Local de Pontevedra ante a colocación de diversos valos de sinalización durante estes días para regular e prohibir o tráfico en distintos puntos da cidade con motivo da instalación das atraccións para as festas da Peregrina. Advirten de que en anos anteriores xa teñen sancionado por esta causa.
A Policía Local sinala que a partir das 23.00 horas deste martes 9 pecharanse ao tráfico as rúas Alameda e Raíña Vitoria. Durante o mércores 10 está previsto que se produzan retencións de tráfico.
Os puntos máis conflitivos será a primeiras horas da mañá a entrada á cidade por San Roque e pola ponte da Barca, polo que se recomenda o acceso a través de Domingo Fontán. Entre as 10.00 e as 13.00 horas espéranse problems de tráfico en Eduardo Pondal en dirección a Uxío Novoneira, Cobián Areal e Benito Corbal. Está previsto un dispositivo especial de vixilancia con desvíos ocasionais.
A partir das 13.00 horas, tamén se agardan problemas en Xeneral Rubín, Fernández Ladreda e Manuel do Palacio en dirección á Ponte das Correntes. Recoméndase utilizar a AP-9 como alternativa para desprazarse entre o norte e o sur da cidade.