Un camión de bombeiros de Sanxenxo envorca en Adina cando se dirixía a un incendio
Por Redacción
Un camión de bombeiros do servizo municipal de Emerxencias de Sanxenxo sufriu un accidente na mañá deste mércores na chamada subina de Adina cando o seu condutor dirixíase a realizar tarefas de extinción dun incendio. Non houbo que lamentar danos persoais, pero si importantes consecuencias materiais no propio vehículo.
Segundo informou Emerxencias de Sanxenxo, trátase dunha accidente desafortunado nunha zona de curvas na que, cando trataba de esquivar a outro coche, o camión acabou envorcando no medio da estrada. O condutor do camión non resultou ferido.
Segundo informou o Concello de Sanxenxo, o accidente produciuse cando o condutor do camión ía incorporarse á vía rápida para reforzar a dotación municipal xa desprazada no Concello Meaño traballando en labores de extinción dun incendio.
Emerxencias desprazou inicialmente a Meaño unha dotación composta por un camión e catro efectivos, pero, ante as dimensións do lume, dous dos traballadores desprazáronse á base para reforzar o operativo cun segundo camión. Trasladounos a Policía Local de Meaño e, cando chegaron a Sanxenxo, colleron o vehículo e dirixíronse de novo ao lugar do incendio.
A patrulla policial abríalles paso a uns metros de distancia e un vehículo incorporouse na circulación entre un e outro, de modo que o condutor do camión tivo que facer unha manobra brusca para esquivalo que desestabilizou o vehículo e acabou envorcando.