Educando para emprender
Por Redacción
"No noso país non educamos para emprender e iso é un problema". Partindo desta realidade, a Deputación de Pontevedra puxo en marcha o proxecto DepoEmprende, no que 120 mozos da provincia recibirán formación ao longo de seis meses para prepararse para poder levar adiante unha iniciativa emprendedora.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, participou na presentación do proxecto este mércores destacando que a xente moza ten "moi boas ideas", pero as institucións habitualmente non lles facilitan "as estruturas nin os recursos para levalas a cabo", de modo que o seu goberno provincial apostou por poñer en marcha "unha ferramenta útil para converter as ideas dos nosos mozos e mozas en proxectos profesionais de futuro".
Carmela Silva amosouse moi crítica coa falta de apoio ás iniciativas emprendedoras por parte das Administracións públicas e contrapuxo esta actitude coa forma de actuar da Deputación, que traballa en "buscar proxectos e iniciativas que permitan crear emprego entre os máis novos".
O proxecto DepoEmprende púxose en marcha en colaboración coa Fundación Incyde das cámaras de comercio da provincia e está financiado polo Fondo Social Europeo cun investimento de 256.668 euros.
Poden anotarse neste proxecto todos os menores de 30 anos da provincia que nestes momentos nin estuden nin traballen e estean inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil. Entre todos os solicitantes, serán seleccionados 120 e terán un plan personalizado de formación e capacitación para mellorar a súa inserción laboral con especial fincapé no emprendemento.
Durante todo este mes de agosto, dende a Deputación de Pontevedra tamén se van desenvolver outras xornadas de presentación de DepoEmprende para dalo a coñecer a mozos por toda a provincia.