O PP de Ponte Caldelas acusa a Andrés Díaz de mentir no caso do acceso á depuradora da Reigosa
Por Redacción
O Partido Popular de Ponte Caldelas saíu en resposta ás críticas do alcalde Andrés Díaz sobre a falta de legalidade no acordo do anterior goberno cos veciños para a creación de muros no acceso á depuradora da Reigosa.
Segundo os populares conseguiuse un investimento de máis de 700.000 euros grazas a un acordo entre a Xunta de Galicia e o Concello. E engaden que o que asinaron os veciños lindeiros ao acceso co anterior goberno local foi acordos de cesión dos terreos para mellorar o acceso. Os acordos de cesión, segundo o PP, son perfectamente válidos porque eran acordos de posta a disposición de terreos que non implicaban obrigacións do Concello de repoñer ningún muro, só peches con postes e arame nalgún caso.
Os populares acusan o actual alcalde de mentir e sinalan que non se ocupou ningunha leira ilegalmente e que os muros que levantou agora o Concello son para "pagar favores políticos do actual alcalde aos seus socios de AVP".