VÍDEO.- Contra os incendios, concentración cidadá ao berro de "Non máis lumes"
Por Redacción
Ante os incendios forestais da última semana en Galicia, a Asociación pola Defensa da Ría convocaba á cidadanía para participar da concentración que se desenvolvía na tarde deste xoves na praza da Peregrina tras a pancarta de "Non máis lumes". Ducias de persoas asistiron á cita coa presenza de brigadistas, que levaban a súa roupa de traballo e carteis indicando a precariedade laboral de Seaga, a empresa pública de Servizos Agrarios Galegos.
Desde este colectivo ecoloxista denúnciase que o monte galego é un "polvorín" que parece estar á espera dunha man que prenda a mecha destrutiva.
Por este motivo, na concentración reclaman da Xunta de Galicia políticas de prevención cunha nova política forestal, que contemple as medidas encamiñadas a cambiar a situación dos montes. Queren que se desenvolvan programas de rexeneración dos montes queimados para evitar a perda de chan e a incidencia negativa sobre as augas dos ríos e das rías polas cinzas que se arrastrarán cando cheguen as choivas.
Ao mesmo tempo sinalan que faltan medios para poder afrontar a extinción dos lumes ao reducirse o persoal das brigadas e ao existir unha descoordinación do traballo, segundo os responsables da Asociación pola Defensa da Ría.
Entre outros colectivos, a Mancomunidade de Montes de Pontevedra apoiou este acto de protesta incidindo na gravidade dos danos ocasionados polos incendios na contorna de O Salgueiral, Pontesampaio, Xeve ou Lérez dentro do municipio de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Malestar entre os comuneiros ao denegar a Xunta as axudas para previr incendios
Por Alejandro Espiño |
-
A Federación Castelao convoca un acto en Ponte Sampaio para pedir prevención ante os incendios forestais
Por Redacción |
-
Deteñen unha muller como presunta autora de 16 incendios forestais no municipio de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Un incendio forestal avanza durante a noite nos arredores do Pontillón do Castro
Por Diego Torrado | Creada e actualizada
-
600.000 euros para protexer o monte ante futuros incendios na provincia
Por Redacción |
-
Nove anos de recuperación do monte, ao traste pola chegada do lume de Tenorio ao Salgueiral
Por Redacción |
-
O negro substitúe ao verde nos montes da comarca
Por Redacción |