Os estudantes norteamericanos finalizan as súas prácticas no CHOP
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra despide esta semana á última quenda dos 42 estudantes norteamericanos que dende o pasado mes de maio estiveron realizando prácticas universitarias nos diferentes centros da área sanitaria de Pontevedra.
A formación destes alumnos de Pre-Medicina foi posible grazas ao Proxecto 'Atlantis', un programa de prácticas de observación en hospitais que ten como principal finalidade facilitar e fortalecer os vínculos entre os futuros médicos e investigadores de Estados Unidos e os profesionais sanitarios dos centros nos que se pon en marcha o plan de formación.
O principal obxectivo era que os alumnos coñeceran de primeira man o traballo que desenvolven os profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra no seu día a día e que profundizaran na súa vocación médica.
En EEUU, os universitarios da especialidade de Medicina teñen a posibilidade de participar en prácticas de observación nalgúns hospitais, pero no caso dos grupos de estudantes que ampliaron a súa formación en Pontevedra, estes escolleron Europa para coñecer as diferenzas existentes entre un sistema sanitario e outro.
Así mesmo, cabe destacar que están a piques de entrar na facultade de Medicina, logo de concluír un grao universitario e aprobar un exame de acceso que realizarán proximamente. É por isto que durante a súa estancia no Chop compatibilizaron as súas prácticas nos hospitais co curso de preparación para o dito exame, de aí que estiveran acompañados dun mestre, convertendo ao de Pontevedra no primeiro e único programa que combina ambas formacións de maneira simultánea.