40 estudantes norteamericanos, de prácticas no CHOP
Por Redacción
Corenta estudantes norteamericanos realizarán prácticas universitarias nos centros sanitarios do Complexo Hospitalario de Pontevedra. É a primeira vez que se participa nun proxecto destas características.
A formación destes alumnos universitarios de pre-medicina na cidade do Lérez é posible grazas ao proxecto 'Atlantis', un programa de prácticas de observación en hospitais que ten como principal finalidade facilitar e fortalecer os vínculos entre os futuros médicos e investigadores de Estados Unidos e os profesionais sanitarios dos centros nos que se pon en marcha o plan.
A xefa do servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva, a doutora Raquel Sánchez Santos, foi a encargada de dar a benvida aos primeiros 11 alumnos que durante cinco semanas rotarán en parellas por diferentes servizos do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
En concreto, os estudantes realizarán as súas prácticas nos servizos de Cirurxía Xeral e Dixestiva, Uroloxía, Xinecoloxía, Dixestivo, Anestesioloxía, Otorrinolaringoloxía, Dermatoloxía, Medicina Interna e tamén no Centro de Saúde da Parda, tendo acceso a diversas especialidades que até o momento descoñecían.
O principal obxectivo do programa é que os alumnos coñezan de primeira man o traballo que realizan os profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra e poidan profundar na súa vocación médica, ademais de vivir unha experiencia persoal enriquecedora dende o punto de vista cultural.
En EEUU, os universitarios desta especialidade teñen a posibilidade de participar en prácticas de observación nalgúns hospitais, pero no caso do grupo de estudantes que xa iniciou o programa de formación en Pontevedra, estes escolleron realizalas en Europa para coñecer as diferenzas existentes entre un sistema sanitario e outro.
Están a piques de entrar na facultade de Medicina, logo de concluír un grao universitario e aprobar un exame de acceso que realizarán proximamente. É por isto que deberán compatibilizar as súas prácticas no Complexo Hospitalario co curso de preparación para o dito exame, de aí que veñan acompañados dun mestre, sendo o de Pontevedra o primeiro e único programa que combina ambas formacións de maneira simultánea.
A súa estancia non se limitará a coñecer o funcionamento do hospital, pois tras finalizar a súa xornada de formación, os universitarios visitarán diferentes puntos de Galicia, impartirán clases en inglés ao persoal sanitario co obxectivo de que os profesionais practiquen o idioma e participarán en diversos programas de voluntariado centrados no acompañamento a pacientes ou prestando axuda na tradución de proxectos de investigación, entre outros.
En todo caso, durante o período de formación nos centros pontevedreses, os estudantes non realizarán ningunha actividade médica ou sanitaria, pois a súa participación no programa está limitada á mera observación da actividade asistencial que, neste caso, desenvolven os profesionais do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Estudantes de pre-Medicina de EE.UU inician prácticas de verán no CHOP
Por Oskar Viéitez |
-
Estudantes norteamericanos realizan prácticas nos hospitais de Pontevedra durante o Nadal
Por Redacción |
-
Os estudantes norteamericanos finalizan as súas prácticas no CHOP
Por Redacción |
-
O Sergas activa as Urxencias do Hospital do Salnés
Por Redacción |