Estudantes norteamericanos realizan prácticas nos hospitais de Pontevedra durante o Nadal
Por Redacción
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) acollía este mércores un grupo de oito estudantes norteamericanos que ata o próximo 13 de xaneiro realizarán prácticas pre-universitarias nos diferentes centros da área sanitaria de Pontevedra.
A formación destes alumnos de Pre-Medicina, segundo informa o CHOP, é posible grazas ao proxecto 'Atlantis', un programa de prácticas de observación en hospitais que ten como principal finalidade facilitar e fortalecer os vínculos entre os futuros médicos e investigadores de Estados Unidos e os profesionais sanitarios dos centros nos que se pon en marcha o plan de formación, como o de Pontevedra.
En maio, a xerencia dos hospitais de Pontevedra e do Salnés puxo en marcha este programa de prácticas a través do que máis de 40 estudantes norteamericanos accederon a diversas especialidades que descoñecían. Tras aquela experiencia decidiuse repetir durante estas festas do Nadal.
Os oito estudantes pre-universitarios rotarán, durante dúas semanas, por diferentes servizos como Otorrinolaringoloxía, Traumatoloxía, Anesestioloxía, Pneumoloxía, Uroloxía, Cirurxía xeral, Dixestivo e Medicina Interna. Os alumnos só realizarán prácticas de observación.
O 'Atlantis Project' nace dun convenio de cooperación educativa entre o Servizo Galego de Saúde e o St. Mary's Institute for Educational Excellence, de Carolina do Norte, dirixido a estudantes de universidades de Estados Unidos e Canadá.