As pingueiras do colexio da Lama teñen os días contados
Por Redacción
Os problemas de pingueiras e humidade que presentaba o teito do colexio da Lama están próximos á súa fin. Comezaron os traballos de substitución da cuberta do centro.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, supervisou o inicio das obras, que supoñerán un investimento por parte da Consellería de Educación duns 150.000 euros.
As obras supoñerán a renovación completa da cuberta, a instalación de novos canlóns e de baxantes. O tellado actual está executado con fibrocemento e tella e cada vez que foi necesaria unha mellora no mesmo, o fibrocemento crebaba noutra parte da cuberta, e provocaba a aparición de pingueiras. Iso, unido ao feito de que conta cunha antigüidade superior os 30 anos motivou a necesidade dun cambio no mesmo.
Segundo informou o Concello, co inicio destas obras dáse solución a un problema que viña padecendo e demandando a comunidade escolar e que foi exposta polo alcalde á administración autonómica.
Jorge Canda agradeceu a colaboración da Xunta para a execución destes traballos, que permitirán dotar ao centro dunha maior eficiencia enerxética, xa que o illarán correctamente, evitando a fuga da calor no inverno, ao contar o cuberta tipo 'sandwich' con catro centímetros de illante.