O alcalde de Ponte Caldelas denuncia "discriminación" da Xunta co colexio da Reigosa e o PP devólvelle a pelota
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, denunciou este mércores o que considera unha "discriminación" por parte da Xunta de Galicia co municipio, pois está a rematar o verán e a Consellería de Educación "non deu o menor indicio" de acometer as obras de ampliación do pavillón do colexio da Reigosa para dotalo de comedor, un servizo que consideran "absolutamente necesario" e moi demandado pola comunidade escolar.
Esta "discriminación" contrapona cos datos de que a consellería está a investir este verán máis de 300.000 euros en melloras nos colexios da zona, pero "só en municipios gobernados polo PP", pois destinan a obras nos colexios de A Lama 185.000 euros e a Cotobade outros 141.740 euros.
Andrés Díaz recorda que o Concello leva tempo reclamando a dotación de comedor no colexio da Reigosa e foi obrigado a redactar o proxecto técnico e a cofinanciar ao 50% unhas obras valoradas en 55.000 euros, pero a pesar destas condicións, aceptou e en xuño entregou o proxecto ao xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. A pesar de que o tempo pasa, non teñen noticias e o alcalde mantén que no Concello "xa teñen claro que non se van acometer este verán" e comezan a "temer que a Xunta culpará ao Concello con algunha das manipulacións habituais".
O alcalde e os concelleiros Pilar Couto, José Manuel Martínez, Manuel Barreiro e Lito Muíños visitaron este mércores o colexio e expresaron que o Concello mantén todos os compromisos de colaboración coas obras, recordando que "escapan claramente" das competencias municipais de mantemento e conservación porque "por moi desleal que sexa o trato institucional, queremos que a comunidade escolar de A Reigosa goce dos servizos que lle corresponden".
RÉPLICA DO PP
Fronte a estas críticas de Díaz, o PP de Ponte Caldelas tamén emitiu este mércores un comunicado para falar do colexio da Reigosa e acusar a Andrés Díaz de "mentireiro", pois en setembro de 2015 anunciou "aos catro ventos" que o Concello comprometíase coa comunidade escolar a cubrir un patio interior do colexio da Reigosa, que sería incluído nos orzamentos do 2016 para ser asumido con fondos propios do Concello.
Case un ano despois desta promesa, acúsao de "deixamento e falta de compromiso" co colexio da Reigosa e repróchalle que trata de culpar á Xunta de Galicia da súa "desastrosa xestión". "O que ten que facer o actual alcalde é poñerse a traballar, deixar de insultar a outras institucións e deixar de culpar a outros da súa incompetencia", manteñen.