Mosquera agarda que as tensións internas do Partido Socialista non afecten o pacto de goberno da Deputación
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, trasladou a súa preocupación pola posible repercusión que o enfrontamento existente no seo do Partido Socialista poida ter no pacto de goberno entre en PSdeG e o BNG na administración provincial.
No transcurso dun almorzo informativo celebrado este xoves en Pontevedra, Mosquera reiterou que "ata agora" o pacto de goberno na Deputación está a funcionar "mellor do que era previsible" destacando a total sintonía no bipartito, que asegurou funciona "moito mellor" que os anteriores gobernos "monocolor" do PP na institución provincial.
A "única sombra" que se cerne sobre o goberno de coalición é, segundo Mosquera Lorenzo, a "tensión" entre o grupo socialista do Concello de Pontevedra e o provincial. O vicepresidente sinalou que xa advertiu hai medio ano da existencia desas discrepancias que "está claro que esa tensión xa existía e hoxe aflorou moito máis ampliada a toda a provincia". "É público e notorio", engadiu.
"Agardo que eses problemas os saiban reconducir" declarou Mosquera tras insistir na súa "esperanza e tamén convencemento" de que non interfiran co pacto de goberno, "agardo que non afecten, como non o fixeron ata agora".