Adeus ás inundacións no pavillón do CEIP Montemogos de Beluso
Por Redacción
Despois de varios anos reclamando o seu arranxo debido ás inundacións que sufría durante o inverno, o pavillón do CEIP Montemogos, en Beluso, está en obras.
Desde a pasada semana os obreiros traballan na substitución do pavimento do ximnasio actual, a substitución das canalizacións de augas pluviaiss da cuberta do pavillón e na pavimentación da entrada do colexio con formigón puído.
O obxectivo en canto ao ximnasio e pavillón é eliminar a condensación de auga que humedecía habitualmente o chan e impedía o seu uso.
Os traballos teñen un orzamento de 36.900 euros, dos cales 28.900 achégaos a Consellería de Educación e 8.000 o Concello de Bueu.
De feito ambas as dúas institucións, representadas polo alcalde Félix Juncal e o delegado provincial de Educación, César Pérez Ares, visitaron as instalacións este xoves para observar de primeira man a evolución dos traballos.