Enfado coa Xunta en Ponte Caldelas despois de que Educación confirmase que non haberá comedor
Por Redacción
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, afirma estar "farto" da discriminación sistemática da Xunta de Galicia con seu concello.
O goberno local intentou, "por todos os medios", asinar un convenio de colaboración coa Consellería de Educación para dotar ao colexio da Reigosa de comedor escolar. "Pero nin sequera asumindo todas as condicións impostas conseguiu que a Xunta de Galicia accedera a investir no municipio".
Dende o gobernó tripartito lembran que a Consellería están a investir máis de 300.000 euros en dous concellos da comarca (145.000 euros no colexio de Tenorio en Cotobade e 185.000 euros no colexio da Lama), ambos con alcaldes do PP, "e aquí, nin auga". "Parece que os nenos e nenas de A Reigosa son menos que os demáis e iso non o podemos consentir", reprocha.
Díaz afirma que seguirá explicando, "ata a saciedade", que o Concello aceptou facer un proxecto técnico que non lle correspondía para desbloquear a obra. O proxecto foi redactado seguindo as instruccións dos técnicos da Delegación de Educación, "que son os mesmos que fan os proxectos no resto dos municipios". A continuación, a Consellería esixiu un cofinanciamento ao 50% nunha ampliación "que non ten nada que ver coas competencias municipais". A resposta municipal volveu ser positiva.
Andrés Díaz esixe para Ponte Caldelas o mesmo trato que para os concellos do "club PP"
"Fomos moi respectuosos, pedimos un convenio, cumprimos todas as súas esixencias, colaboramos ao máximo e nin por esas", declara o alcalde. "Agora nos enteramos de que cambiaron de idea e de que queren facer as obras do Escorial no colexio da Reigosa para o que nos van pedir non sabemos cantos millóns de euros". O rexedor pídelle á Consellería "un chisco de cordura" e que asuma unha obra, valorada en pouco máis de 50.000 euros que resolve un problema. "O demais son contos e gañas de leria".
Andrés Díaz esixe para Ponte Caldelas o mesmo trato que para os concellos do "club PP" e advírtelle ao xefe territorial, ao conselleiro de Educación e ao presidente da Xunta que "se pensan que poden tomar o pelo aos veciños están moi trabucados, porque todo o mundo sabe que só levan investidos aquí 33.000 euros durante este mandato municipal, e a cifra segue parada".