A ponte da Gándara abre ao tráfico antes do previsto
Por Redacción
O vicepresidente provincial, César Mosquera, anunciou este venres a apertura da ponte da Gándara sobre o río Rons logo de menos de catro meses de obras. O viaduto pasou a proba de carga pola mañá e durante a tarde os operarios retiraron a sinalización que impedía o tránsito.
Mosquera, acompañado da deputada Eva Vilaverde e dos concelleiro Luís Bará e Pilar Comesaña, fixo unha visita á obra e sinalou que con esta actuación corríxese a situación de grave deterioro da ponte fomentando a mobilidade peonil na zona, xa que se instalou un novo taboleiro, se creou un paso independente para os viandantes, se calmou o tráfico, mellorouse a accesibilidade e rehabilitouse o sendeiro que comunica coa estrada de Vilagarcía.
A empresa foi a encargada de facer os traballos, que tiñan un orzamento de 130.535 euros e se adxudicou por 101.726 euros. O prazo de execución era de seis meses, durante os que foi preciso cortar o tráfico totalmente na zona, pero grazas á coordinación e a execución simultánea de varias fases das obras, foi posible que estean rematados a día de hoxe.
Como obras accesorias o proxecto incluíu a rehabilitación do camiño que a comunica coa estrada de Vilagarcía. Tamén se mellorou a mobilidade peonil e a accesibilidade, coa implantación de dous redutores físicos de velocidade de 2,60 metros de lonxitude e dous pasos de peóns executados con lousa de formigón de cor ocre a un lado e outro da ponte para dar continuidade ás sendas da xunqueira.
Finalmente, a actuación completouse coa sinalización horizontal e vertical. Pretendíase mellorar a visibilidade, a supresión de barreiras e a diminución da velocidade dos vehículos que acceden á ponte, que quedou limitada a 20 quilómetros por hora.