Aplícase correctamente a Lei de Memoria Histórica ao retirarlle a rúa a Javier Puig?
Por Oskar Viéitez
O Concello cambiará o nome da rúa Javier Puig Llamas. Así o decidiu o pleno municipal celebrado este luns cos votos a favor do BNG e de Marea, o voto en contra do PP e a abstención de PSOE e Cidadáns.
De modo que o que fora presidente da Deputación Provincial e alcalde de Pontevedra, desaparecerá do rueiro da cidade, aproveitando unha reforma que se realiza na rúa.
O debate sobre este punto da orde do día suscitou a polémica sobre se se estaba aplicando neste caso de maneira correcta a Lei de Memoria Histórica.
O PP utilizou no seu argumentario o artigo que publicou o pasado domingo en PontevedraViva a columnista Milagros Bará, asegurando que Puig Llamas "para nada estaba relacionado co franquismo nin coa represión" e que, pola contra, tivo que aceptar o cargo que lle asignaron desde o Goberno da ditadura.
A concelleira do PP María Aurora Cañizares, asegurou que Javier Puig "non merece esta afronta; nin el nin a súa familia" e chegou a afirmar que con esta iniciativa de Marea "empeza a caza".
A concelleira de Cidadáns, María Rey, e os socialistas xustificaron a súa abstención pedindo un "estudo serio" sobre o personaxe histórico e as circunstancias nas que se lle dedicou unha rúa, antes de proceder a retirarlle esta honra. O portavoz do PSOE, Agustín Fernández, reprochou que "as cousas non se fan así".
No caso de que o personaxe non merecese o deshonor de retirar o seu nome do rueiro de Pontevedra, "haberá que pedir desculpas á súa familia", advertiu María Rey.
Por parte do BNG, Luís Bará esgrimiu o cumprimento da Lei de Memoria Histórica e lembrou que o goberno local tampouco é partidario de que Fernández Ladreda siga tendo unha rúa en Pontevedra.
O novo nome da rúa será consensuado. "Quererán cambialo por rúa de Arnaldo Otegi, home de paz", espetou a edil María Aurora Cañizares.