UGT pide aos concellos que non autoricen veladores aos locais con denuncias laborais
Por Redacción
O sindicato UXT pide aos concellos e á Deputación que adopten unha postura máis contundente con aquelas empresas do sector turístico que teñan denuncias por incumprimento de contrato laboral. Os representantes de UXT, José Ramón Vidal e Carlos Esperón, manifestaron que se incrementaron as contratacións durante este verán en empresas de hostalería e, en xeral, no sector terciario, pero tamén aumentaron as irregularidades nos pagos.
Ante esta situación, desde o sindicato reclámase que os concellos non autoricen veladores ou deixen de conceder beneficios a aqueles establecementos nos que existan denuncias. Entenden que todas as administracións deben actuar para evitar unha situación de competencia desleal que se está rexistrando no sector, segundo Vidal e Esperón, xa que coinciden establecementos que non realizan contratacións correctas con outros que si.
José Ramón Vidal indicou que mantiveran a principios do verán un encontro co xefe da Inspección de Traballo en Pontevedra para trasladarlle a preocupación por este tema. Desde a Inspección recoñeceron o problema e sinalaron que poñerían en marcha un programa de control que, con todo, non está a obter resultados, segundo os sindicatos, por carencia de medios.
Afirman que o perfil do traballador que se atopa nunha situación de falta de pagamento de todo o salario establecido no convenio é o de muller nova do sector hostaleiro con nóminas de 700 euros, cando terían que estar a cobrar 1.000 euros polo tempo que excede da súa xornada laboral. No 90% dos casos, indican que os traballadores chegan ao sindicato despois de asinar a liquidación sen ser conscientes de aceptar unha cantidade económica inferior á que lles corresponde nas que, segundo os representantes sindicais, non adoitan abonarlles as vacacións ou as horas extra.
Vidal sinalou que moitos dos profesionais da hostalería formados en centros como o Carlos Oroza de Pontevedra deciden emigrar ante a situación empresarial que se vive en Galicia e reclama unha intervención por parte das distintas administracións para limitar estes abusos por parte dos empresarios.
Este sector conta con 25.000 traballadores actualmente na provincia.