Queres formarte na Escola de Canteiros? O prazo de matrícula está aberto
Por Redacción
O prazo de matrícula para o vindeiro curso 2016-2017 na Escola de Cantería de Poio está xa aberto e todas as persoas interesadas poden inscribirse ata o día 20 de setembro. As clases comezarán en outubro.
O importe da matrícula é de 114,50 euros e para formalizar o trámite só hai que presentar o impreso oficial, acompañado dunha serie de documentación, na secretaría da Escola ou no Rexistro Xeral da Deputación. Toda a información, así como os documentos necesarios para a matrícula, pode consultarse na páxina web da Escola.
Para acceder aos estudos na Escola de Cantería só é necesario posuír o título de graduado escolar ou equivalente. Hai varias modalidades de estudos: a formación oficial de canteiro con clases polas mañás de luns a venres -cunha duración de tres anos, que se pode ampliar dous anos máis para obter o título de mestre canteiro-, e a formación específica para canteiros reciclados, artesáns ou persoas con interese na escultura e cantería, con clases nocturnas de luns a xoves, con dous anos de duración.
A Escola de Cantería, un centro educativo único en Galicia, permite estudar a arte de traballar a pedra, continuando así o saber dunha profesión tan arraigada en Galicia como a dos canteiros e canteiras. En todos os estudos se imparten materias coma historia da arte, debuxo artístico, debuxo técnico, modelado, escultura ou construción. Pero ademais dos coñecementos teóricos tamén ten unha importancia crucial a formación práctica, na que os alumnos aprenden a realizar calquera tipo de traballo en case calquera material, tanto de barro como escaiola, bronce ou granito.
As creacións do alumnado da Escola de Cantería van dende bustos, monólitos, conxuntos escultóricos, construcións arquitectónicas, esculturas, réplicas ou hórreos. Ademais, dende a Escola de Cantería tamén se traballa moito co alumnado na importancia da restauración de pezas do patrimonio histórico-artístico galego.