A Carmela Silva as propostas "asamblearias" de Nidia Arévalo resúltanlle "ridículas"
Por Alejandro Espiño
Carmela Silva asegura que "non estou para perder o tempo" coa proposta "asamblearia" presentada polo Partido Popular para que unha comisión de alcaldes decida como e baixo que criterios se reparten os fondos que a Deputación de Pontevedra destina os pequenos e medianos concellos da provincia. "Me resulta ridículo", afirmou.
A presidenta da deputación pontevedresa lembrou que o PP "chegou a gobernar as catro deputacións" e nunca quixeron acordar este asunto cos alcaldes. Ademais, os populares mantén aínda a de Ourense e o goberno da Xunta de Galicia, polo que Silva suxeriu a Nidia Arévalo, portavoz dos populares, que se dirixa a eles con esta proposta.
"Cando veña coa decisión de Feijóo de que cada un dos alcaldes da provincia teña un voto para decidir como se reparten os recursos da Xunta poderemos tomala en serio", dixo a dirixente socialista en referencia a Nidia Arévalo.
Mentres tanto, engadiu, "seguirei pensando que isto é un chiste, unha arroutada do PP que non podemos tomar en serio", xa que afirmou que "nós temos máis cousas que facer que atender a estas chorradas".
En todo caso, Carmela Silva reiterou que actualmente os máis de 70 millóns de euros que a Deputación reparte entre os concellos entréganse de forma "equitativa, xusta e con criterios claros", a diferenza da xestión "clientelar e caciquil" do anterior goberno de Louzán.