Deputación "copia" a zona 30 de Pontevedra e trasládaa, con matices, á súa rede de estradas
Por Alejandro Espiño
O modelo urbano de Pontevedra esténdese ás estradas propiedade da Deputación. Polo menos, o seu concepto. A institución provincial aprobará este venres unha ordenanza de seguridade viaria que, entre outras medidas, supoñerá rebaixar a velocidade en todas as súas vías. Aquelas que sexan urbanas e estean dentro de núcleos poboados terán un límite máximo de 40 km/h, salvo que se acorde co concello respectivo fixalo en 30 km/h.
"Esténdense o que se fixo en Pontevedra", destacou o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, portavoz do BNG na Deputación. Recordou precisamente que esta ordenanza parte dunha moción presentada en decembro de 2010 polos nacionalistas e que o texto final, que conta co respaldo unánime de PP, BNG e PSOE, é moi similar á ordenanza vixente no Concello de Pontevedra.
Esta ordenanza pretende establecer unha serie de medidas para mellorar a seguridade viaria, eliminar puntos negros, reducir a velocidade e protexer a peóns e ciclistas. Débese, dixo Mosquera, a que a provincia de Pontevedra "é a que ten unha maior sinistralidade non só en Galicia, senón en todo o Estado", como dixo reflicten os datos das aseguradoras. "Un seguro é Pontevedra é máis caro que en Madrid ou en Ourense, onde custa un 40% menos".
Entre outras actuacións, propón limitar a velocidade entre os 40 km/h (vías urbanas) e os 90 km/h, aínda que a gran maioría non superaría os 60 km/h, instalar dispositivos de calmado de tráfico en tramos conflictivos e urbanos, mellorar os trazados para aumentar a seguridade do tráfico motorizado e incrementar, en todo caso, a sinalización en todas as vías cuxa titularidade sexa provincial.
Ademais de redactar a ordenanza, a Deputación solicitou varios informes sobre o contido da mesma. E as respostas foron moi diferentes. A Dirección Xeral de Tráfico valorouna "moi positivamente" e ata a xefa provincial de Tráfico, María Vitoria Dobarro, asina un escrito no que asegura que "me comprace trasladarlle a felicitación persoal do subdirector polo documento elaborado, do que destaca a sencillez, claridade e compatibilidade coa normativa estatal".
Pero como explica César Mosquera, a resposta da Xunta é totalmente contraria. "Non fan máis que poñer trabas, pegas e problemas", explica o edil nacionalista. "Queda claro quen está preocupado pola seguridade viaria e quen non e nos demostra por que a política viaria do gobernou galego é caótica". Di Mosquera que a conclusión do informe da Xunta é "non me toque as vías que están moi ben así".