As consultas nas oficinas de turismo de Sanxenxo crecen un un 5,8% e descenden en Portonovo
Por Redacción
Os datos de consultas rexistrados nas oficinas de turismo municipais, situadas en Sanxenxo e en Portonovo, reflicten un leve descenso das consultas realizadas polos visitantes que ascenden a 1.962, fronte ás 2.001 persoas que se achegaron en agosto de 2015. Con todo, as estatísticas varían considerablemente se se analizan por separados os datos de Sanxenxo e Portonovo, xa que no primeiro caso a oficina situada no Porto Deportivo rexistrou un incremento de visitas e consultas de 5,8 puntos con respecto a 2015, mentres que en Portonovo o descenso alcanza o 11,8%.
En total, e tendo en conta as persoas que realizaron consultas nas oficinas municipais viaxan en familia, visitaron as instalacións un total de 5.863 persoas durante o pasado mes de agosto.
En canto á procedencia das persoas que realizaron consultas nas oficinas de turismo cabe destacar que o 91,39% , é dicir 1.793 persoas, son de orixe estatal mentres que o 8,61%, 169 persoas, proceden de diferentes países europeos. Madrid, o País Vasco, Castela e León, Cataluña e Asturias son as zonas das que proceden o maior número de persoas que cursaron consultas nas oficinas de turismo, mentres que no que respecta a turismo estranxeiro Portugal, Francia, Arxentina, Inglaterra, Italia, Alemaña e Irlanda son os principais países de procedencia.
O turismo madrileño supón o 21,62% das consultas
En canto a porcentaxes, o turismo madrileño supón o 21,62% das consultas, mentres que o vasco supón o 15,81%.
En canto ao coñecemento do destino, os datos da oficina de turismo reflicten que o 62,23% (1.221 persoas) dos que se achegaron a facer consultas viñan por primeira vez a Sanxenxo, mentres que o 37,77% (741 persoas) xa coñecía o municipio.
Os datos das oficinas de turismo reflicten que o 89,30% dos que se achegaron a facer consultas xa coñecían Sanxenxo, mentres que o resto descubriuno a través de familia, feiras, axencias de viaxe ou internet.
No que a días de estancia refírese o 46,59% dos visitantes optaron por un período de entre 7 e 10 días mentres que o 33,5% apostaron por entre 3 e 6 días.
Como medio de transporte cabe destacar que a gran maioría, o 91,23%, opta polo coche; reducíndose de forma significativa os visitantes que viaxan en avión ou autobús.