Pontevedra, escenario dunha operación internacional contra o roubo de coches de alta gama con 38 detidos
Por Redacción
Axentes da Garda Civil participaron nunha operación internacional bautizada co nome de "Aligustre-Orso" que ofrece un balance provisional de 38 persoas detidas, sete delas en España (Pontevedra, Granada e Barcelona) e a incautación de 47 vehículos.
O subdelegado do goberno Antonio Coello Bufill, acompañado do coronel xefe da Comandancia da Garda Civil e os membros do equipo de investigación, comparecerán este xoves ante os medios de comunicación para informar sobre os detalles desta operación.
Segundo informaron fontes oficiais do instituto armado, trátase dunha operación conxunta coa policía italiana e belga na que se desmantelou unha rede internacional que se dedicaba ao roubo de coches de alta gama en distintos países da comunidade europea.
Nas últimas horas, segundo puido saber PontevedraViva, producíronse diversos rexistros domiciliarios en diferentes puntos dos municipios de Pontevedra e Vilaboa.