Bueu dará prioridade aos peóns na rúas Staffan Morling e A Pedra
Por Redacción
O Concello de Bueu está preparando un proxecto de humanización das rúas de A Pedra e Staffan Mörling con cargo ao orzamento xeral do vindeiro ano.
O obxectivo é que se reordene o tráfico cunha clara preferencia aos usuarios a pé, tal e como salienta o alcalde da vila, Félix Juncal, quen se dirixiu ata o lugar xunto ao concelleiro de obras e servizos, Fidel Castro, e o arquitecto técnico municipal.
A aposta do goberno pola humanización destas rúas ten que ver coa súa concentración dun gran número de vehículos e persoas, debido a que se sitúan nesa zona o centro de saúde, os dous institutos, o colexio A Pedra e o pavillón municipal Pablo Herbello.
Así, nelas haberá unha clara preeminencia de usuarios a pé sobre o tráfico rodado, cuxas características técnicas se especificarán unha vez elaborado o proxecto.
Nesta mellora prevese ademais a renovación dos servizos, que terá como eixe principal a incorporación dun colector de pluviais diferenciado que conecte co regato de Ramón Bares.
O rexedor buenense apuntou que esta humanización "non vai supor unha redución do número de prazas de estacionamento senón que vai haber unha reordenación e incluso se está estudando incrementar as prazas de aparcadoiro na contorna".