Lores traslada a Rouen (Francia) o modelo "sen coches" de Pontevedra
Por Redacción
Pontevedra segue a predicar polo mundo as bondades do seu modelo de cidade "sen coches". Desta volta, a parada do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, foi a localidade francesa de Rouen, unha área metropolitana de uns 100.000 habitantes, interesada en coñecer experiencias no ámbito da transformación urbana.
Con este motivo, convocaron o foro "Metrópoles en transición" onde se repasan diversas experiencias europeas que lograron que as súas cidades foran un espazo máis atractivo, primando a convivencia entre peóns e vehículos.
E unha das invitadas a estas xornadas foi Pontevedra. "Hai que tomar decisións políticas valentes se se quere avanzar na recuperación do espazo público", dixo Fernández Lores ante un auditorio de funcionarios, especialistas e membros de entidades que promoven a humanización das cidades.
O alcalde aplaudiu a tendencia cada vez maior de retirar os coches dos espazos públicos "porque cando mercas un coche non mercas o dereito a ocupar permanentemente un espazo público, que é de todos, non só dos propietarios dos coches", subliñou.
Pontevedra foi convidada a este foro para expoñer a súa experiencia en materia de peonalización, tal e como sinalan desde a organización, como referente europeo de cidade co tráfico a motor controlado, o que veñen a denominar "cidade sen coches".
Entre outras cuestións, o moderador da xornada lembrou a Lores as manifestacións de comerciantes que tiveran lugar ao principio do proceso, e dixo que era "normal" que houbese reticencias ao non o resultado dun cambio, pero engadiu que "nos plantexamos rescatar a cidade, que caera en mans dos coches, e moitos comerciantes non estaban de acordo pero despois viron que a cidade funciona mellor sen coches que con eles".
Pontevedra compartiu mesa con Hassetl, unha cidade belga que tamén está retirando coches do centro e que se ten convertido nun centro comercial aberto, algo que se propuxeron en 1995, cando comezaron a percibir a decadencia dos seus comercios.
Na actualidade, o concello abona a totalidade do importe do transporte público, resultando gratis para os usuarios que se achegan ao centro da cidade. Así mesmo están experimentando un sistema de reparto dos obxectos que mercan os consumidores, para poñérllelos nos estacionamentos que utilizan para deixar os seus coches.