A Garda Civil detén o autor do atraco a un taxista en Poio
Por Redacción
A Garda Civil detivo esta mañá un home de 33 anos, veciño de Sanxenxo, como presunto autor dun atraco cometido cunha arma branca a un taxista, no termo municipal de Poio.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos sucederon sobre as 11:00 horas deste venres, cando un taxista que se atopaba estacionado na parada da estación de autobuses de Pontevedra recolleu un cliente coa intención de levalo á localidade de Sanxenxo. Ao chegar á altura da rotonda de Samieira, esta persoa abalanzouse sobre o taxista e ameazándoo cun coitelo de monte no pescozo pediulle que lle dese todo o diñeiro. Conseguido o obxectivo, o atracador deuse á fuga a pé co botín que lle achegaba a escasa recadación do taxista.
Recibida a alerta a través do Servizos de Emerxencia 112, a Garda Civil activou un dispositivo de servizo para auxiliar á vítima e localizar ao autor.
Establecéronse varios puntos de control de vehículos nas distintas vías de comunicación próximas á zona e iniciouse unha batida a pé nas proximidades do lugar onde se produciu a incidencia.
Pouco despois, os efectivos do Posto da Garda Civil de Pontevedra que realizaban a batida localizaron nun monte próximo a un individuo que respondía as características físicas da persoa que cometera o atraco, procedendo á súa detención como presunto autor dun delito de roubo con intimidación.
Nas inmediacións do lugar onde pretendía ocultarse esta persoa cando foi localizada atopouse escondida entre a matogueira a arma que utilizara para intimidar ao taxista e o dispensador de moedas co diñeiro que lle subtraera.
O arrestado pasará nas próximas a horas disposición da autoridade xudicial competente.