O sospeitoso de abusar da súa sobriña de cinco anos entrégase na Policía e o xulgado déixao libre
Por Redacción
O home sospeitoso de someter a abusos sexuais a súa sobriña de 5 anos en Vilagarcía de Arousa quedou en liberdade con cargos tras prestar declaración no Xulgado de Garda de Vigo.
O propio sospeitoso entregouse na tarde do mércores na Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía, que o estaba a buscar dende que a última hora do domingo os pais da nena a levaron ao Hospital do Salnés e presentaron denuncia por abusos contra o tío da menor.
Tras pasar a noite na Comisaría, o detido foi trasladado a Vigo porque os feitos supostamente aconteceron entre que se levou a súa sobriña dende unha voda que se estaba a celebrar na cidade olívica ata a súa casa de Vilagarcía. Toda a familia, de etnia xitana, estivera nunha voda, os pais da nena quixeron seguir a festa e el levoulla a durmir.
Tras tomarlle declaración, o Xulgado decidiu deixalo en liberdade, se ben impuxo como medida preventiva unha orde de afastamento que lle impide achegarse á menor e a obriga de comparecer cada 15 días en sede xudicial.
Fontes policiais confirmaron que a Policía Nacional de Pontevedra ditara unha orde de detención a nivel estatal sobre este home como sospeitoso dun delito de abusos sexuais, tanto para dar co seu paradoiro como ante o temor a que a súa familia puidese querer tomar represalias por consideralo autor dun delito grave cara á menor.