Protesta de Marea Cidadá, sen bata nin zapatillas, ante Novagalicia Banco
Por Anxo Lourido
Representantes de diversos colectivos da cidade integrados na plataforma Marea Cidadá concentráronse ante as portas de Novagalicia Banco esta tarde portando unha pancarta na que se podía ler "Non ao golpe financieiro".
Estaba previsto que o acto de protesta se desenvolvera dentro das instalacións da entidade con participantes vestidos con bata e zapatillas. Non foi así. Cynthia Piña, voceira do colectivo 15-M, explicaba que "xa que os cidadáns estamos pagando as débedas dos bancos, isto é noso e como máis cómodos andamos na casa é en bata e zapatillas" pero finalmente os integrantes da protesta non chegaron entrar na oficina de Novagalicia Banco: "hai persoas de seguridade que contrataron para catro horas e alégrome por elas pero non entendo este medo aos cidadáns nin por parte deles nin dos políticos que se blindan", afirmou Cynthia Piña.
A nota curiosa produciuse cando o empresario Nino Mirón entrou na sede de Novagalicia Banco entre os manifestantes e saudou a algúns deles. Un comentou: "estará negociando para a súa marcha a Brasil".
Este sábado, Marea Cidadá organiza unha concentración ás 17:30 na Praza de España para iniciar unha manifestación media hora máis tarde polas rúas de Pontevedra. Dende este colectivo afirman que a Federación de Asociacións de Pais e Nais que van realizar un acto festivo-reivindicativo en Monte Porreiro van a participar nesta protesta enviando un grupo de representantes que se sumarán a máis de quince colectivos que xa confirmaron a súa participación nesta mobilización en contra dos recortes e a favor da democracia.