As xornadas "Cuspedriños10" incluirán charlas históricas e roteiros de sendeirismo
Por Redacción
O Concello de Cotobade presentou este martes as Xornadas Turísticas, Históricas e Culturais "Cuspedriños10", que inclúen charlas-coloquio e roteiros de sendeirismo sobre a historia do municipio e que se celebrarán entre o 24 de setembro e o 15 de outubro. Esta actividade, que conta coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia.
Durante a presentación, o alcalde cotobadés, Jorge Cubela, revelou que estas xornadas xurdiron "como necesidade de complementar á Feira de Cuspedriños para rememorar o noso pasado pero dun xeito máis divulgativo e ademáis estender estas accións culturais durante gran parte do ano".
As cinco actividades programas son as seguintes:
- Charla-coloquio "A forza da auga" a cargo da arquitecta Cristina García, que explicará a historia dos Baños de San Xusto como complexo termal de referenza durante o século XX e o proxecto de recuperación desta zona actualmente en marcha. Será o sábado 24 de setembro ás 19.30 horas na Casa do Pobo de San Xurxo de Sacos.
- Xuntanza literaria e cultural coa escritora brasileira Nélida Piñón, que ten as súas orixes no Concello de Cotobade. Durante este acto, e co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, presentarase a segunda edición do Premio Nélida Piñón. Será o venres 30 de setembro ás 20.00 horas no salón de actos do consistorio de Cotobade.
- Roteiro de sendeirismo "O Foxo do Lobo" dirixido pola Fundación Antonio Fraguas. O percorrido sairá de A Chan-Carballedo e chegará ata Loureiro, onde se conserva en moi bo estado unha destas antigas trampas medievais para cánidos. A actividade, impartida por Xosé Ramón González Reboredo, comezará o domingo 2 de outubro ás 10.00 horas.
- Charla-coloquio "A historia de Cotobade" a cargo do historiador Xosé Fortes Bouzán, que fará un repaso amplo e pormenorizado dos dous últimos séculos no municipio e atenderá ás dúbidas que lle plantexe o público asistente. Esta conferencia celebrarase o venres 14 de outubro ás 10.00 horas no salón de actos do consistorio de Cotobade.
- Roteiro de sendeirismo "A Guerra da Independencia en Cotobade" dirixido polo profesor de Xeografía e Historia Manuel Reboredo. A ruta sairá da reitoral de San Xurxo de Sacos e discorrerá por lugares como o Castelo do Eirado, o Camiño Real, o Mosteiro de Tenorio ou o miradoiro da Soldada, entre outros. Esta actividade de clausura será o sábado 15 de outubro dende as 10.00 horas.
Cubela, que insistíu en que todas as accións son de participación gratuíta e que se está a traballar en dispoñer de transporte de apoio para os roteiros, animou a todos os veciños e persoas interesadas a participar das mesmas "polo seu elevado interese". Ademais, quixo agradecer a colaboración de todos os coordinadores destas iniciativas e tamén da Asociación Cultural e Medioambiental Canón de Pau, que fomentará a participación e axudará no desenvolvemento das mesmas.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade reedita as xornadas turísticas, históricas e culturais Cuspedriños10
Por Redacción |
-
Satisfacción polo "resultado exitoso" das xornadas Cuspedriños 10
Por Redacción |
-
Unha mañá de paseo ata o Foxo do Lobo
Por Redacción |
-
Convocado o segundo certame de relato breve Nélida Piñón
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
A Feira de Cuspedriños bateu o seu récord ao recibir a 4.000 persoas o domingo
Por Redacción |