Pontedetapas amplíase a tres fins de semana e abre o seu prazo de inscrición
Por Redacción
Ata o 30 de setembro terán de prazo os establecementos de hostalería de Pontevedra para inscribirse para participar nunha nova edición do certame Pontedetapas, o concurso gastronómico organizado pola Concellaría de Promoción da Cidade co obxectivo de reforzar a marca da cidade e dinamizar o comercio local e o sector da restauración.
Nesta novena edición Pontedetapas amplía as súas datas de celebración a tres fins de semana completas. Así, terá lugar do xoves 3 ao domingo 20 de novembro. Serán, pois, 18 días nos que o público poderá degustar o mellor da nosa gastronomía local en pequenos bocados.
Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega.
Poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional -aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía-, á mellor tapa creativa -á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación ou técnicas empregadas-, e ao mellor cóctel.
Un xurado profesional composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo, o xornalismo gastronómico, blogueiros, intelectuais ou entidades relacionadas coa promoción enogastronómica, escollerá aos gañadores que obterán como premio, ademais dun diploma e distintivo acreditativo, unha masterclass cun cociñeiro de renome.
Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma ou nos produtos empregados. A elixida será a que compita na terceira edición de De tapas por Galicia, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da comunidade.
Relacionadas:
-
18 días para degustar o mellor da gastronomía local en pequenos bocados
Por Redacción |
-
'Molla a palleta' e ponte 'como un quico' nun Pontedetapas no que comerás 'como unha raíña'
Por Alejandro Espiño |
-
Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín), gañadores do concurso De Tapas por Galicia
Por Redacción |
-
Pontedetapas 2016 manterase en novembro pero estenderase a tres fines de semana completas
Por Redacción |
-
Casa Román, El Cafetín de la Alameda e PTV, premios Pontedetapas 2015
Por Cristina Saiz |