O narcotraficante Ramiro Vázquez Roma, condenado a once anos de prisión
Por Redacción
O narcotraficante pontevedrés Ramiro Vázquez Roma foi condenado a 11 anos de prisión como máximo responsable dunha rede dedicada ao tráfico de drogas cuxos integrantes foron detidos na denominada Operación Piraña, en outubro de 2007, cando tentaban introducir nas Rías Baixas uns 4.000 quilos de cocaína.
A sentenza, emitida pola sección cuarta da Audiencia de Pontevedra, fixa ademais para Vázquez Roma unha multa de 301 millóns de euros polos delitos de tráfico de drogas e branqueo de capitais procedentes do narcotráfico.
Xunto a el, a Audiencia condenou polos mesmos feitos outros dezaoito integrantes do clan, para os que os maxistrados impuxeron penas que suman máis de 80 anos de prisión -entre seis meses e 10 anos para cada un deles- e multas que no seu conxunto chegan aos 2.853 millóns euros.
Só unha das dezanove persoas que sentaron no banco dos acusados da audiencia pontevedresa en outubro de 2015 foi absolta, aínda que ningún deles foi condenado polo terceiro dos delitos que se lles imputaban, o de integración en grupo criminal.
O fallo xudicial inclúe o comiso da droga incautada na operación, así como os bens, os medios e os instrumentos utilizados na descarga da mesma, xunto con todos os inmobles e vehículos cuxa adquisición foi sufragada co diñeiro procedente do narcotráfico, que serán adxudicados ao Estado a través do Plan Nacional contra a Droga.
Os membros do clan liderado polo capo Ramiro Vázquez Roma chegaron a un acordo co fiscal durante a celebración da vista oral e recoñeceron que, en outubro de 2007, tentaron introducir en Galicia uns 4.000 quilos de cocaína, droga que ía nos barcos interceptados por Aduanas antes de chegar aos seus portos de destino, Bueu e O Grove.
A operación foi posible grazas a picadas telefónicas que revelaron que a organización dispoñía dun estaleiro en Viana do Castelo (Portugal) onde se construíron as planadoras para o desembarco, finalmente frustrado.
Ademais, da súa actividade relacionada co tráfico de drogas, os maxistrados consideran probado que Vázquez Roma "ben directamente ben a través dos seus familiares e achegados", levou a cabo diversas operacións patrimoniais entre os anos 1997 e 2007 "coa finalidade de dar entrada no tráfico mercantil lícito ao diñeiro ilícito procedente da súa actividade de narcotráfico".
A petición inicial da Fiscalía era de 27 anos para Vázquez Roma, así como unha multa de 600 millóns de euros.
Tan só dous dos acusados, Juan Antonio Garre e Jorge Lorenzo Santiago, mantiveron a súa inocencia durante o xuízo celebrado na Audiencia, e foron condenados finalmente a dez anos de prisión cada un e a pagar senllas multas de 400 millóns de euros.
Relacionadas:
-
O Supremo absolve o construtor das planadoras do clan de Vázquez Roma
Por Redacción |
-
O fiscal modificará a petición de penas e multas a parte do clan do narco Vázquez Roma
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A Fiscalía e as defensas negocian un acordo tras a confesión do clan Roma
Por Oskar Viéitez |
-
Vázquez Roma asegura estar arrepentido e confesa un transporte de tres toneladas de cocaína
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Comeza o macroxuízo na Audiencia contra 19 acusados detidos hai oito anos na Operación Piraña
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Un macroxuízo sentará no banco á rede acusada de sementar de fardos de droga as Rías Baixas
Por Natalia Puga |