De novo en liberdade o presunto autor de 23 roubos en domicilios de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vilagarcía detiveron o presunto autor de vinte e tres delitos de roubo con forza no interior de diferentes domicilios do municipio.
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional, este individuo conta con trinta e dous antecedentes policiais, a maioría deles por delitos contra o patrimonio e xa foi detido por este motivo os pasados días 21 de xullo e os días 5, 12 e 26 do mes de agosto.
Estas mesmas fontes detallaron que para acceder ás vivendas nas que roubaba, utilizaba o "modus operandi " da patada na porta, propinando fortes golpes cos pés ou os ombreiros ata que as débiles fechaduras e marcos ceden.
Este procedemento utilízao fundamentalmente en pisos pertencentes a inmobles cunha certa antigüidade, nos cales, as portas principais das vivendas son sinxelas e de escasa resistencia, carentes de sistemas de seguridade sofisticados ou de estruturas sólidas.
Así mesmo, os axentes tamén constataron que accedía a outras vivendas a través das xanelas que dan acceso aos patios de luces.
Nun primeiro momento entraba ao edificio pola porta principal, ben chamando ao telefonillo ou esperando o descoido dalgún veciño que entrase ou saíse. Unha vez no interior, subiría polas escaleiras principais ata os diferentes rellanos de vivendas onde se adoitan situar xanelas que dan a un patio de luces común desde o que se introducía, mediante "escalo" nas distintas vivendas.
Unha vez finalizado o atestado policial o detido foi posto a disposición da Autoridade Xudicial quen decretou a súa posta en liberdade.