Detido un ladrón reincidente por violación de morada e roubo en dúas casas de Vilagarcía
Por Redacción
A Policía Nacional da Comisaría de Vilagarcía de Arousa detivo esta semana un veciño desta localidade de 40 anos como presunto autor dos delitos de violación de morada e roubo con forza en dous domicilios diferentes.
Segundo informou a Policía Nacional, a detención produciuse este xoves 18 de agosto como resultado das investigacións realizadas desde a Comisaría tras as denuncias de dous afectados que manifestaron ser vítimas de roubos nos seus domicilios de Vilagarcia, dos que subtraeran numerosas xoias e diñeiro en efectivo. Un dos prexudicados sorprendeu in fraganti a este home dentro do seu domicilio cando se dispoñía a fuxir co botín.
O detido é un vello coñecido da policía. Ten antecedentes por feitos similares, sempre co mesmo modus operandi: actúa en casas unifamiliares do arrabalde, comproba que non hai ninguén no seu interior a través dunha chamada ao timbre ou telefonillo e accede ao interior das vivendas forzando xanelas ou aproveitando calquera acceso aberto para subtraer xoias ou diñeiro en efectivo.
Segundo a Policía, adoita actuar con algún cómplice que realiza labores de vixilancia no exterior por se regresasen os moradores. Nesta ocasión, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía, en funcións de Garda, que decretou a súa posta en liberdade.