Remata o acondicionamento do lavadoiro de Laxoso
Por Oskar Viéitez
Nestes días remataranse os traballos de acondicionamento do lavadoiro de Laxoso, situado entre os dous núcleos.
Aínda hoxe este lavadoiro é moi utilizado polos veciños para dar conta de pezas grandes como alfombras ou cortinas. A pesar diso atopábase nunha situación ruinosa, polo que insistiuse moito na necesidade da súa restauración integral.
As obras realizadas foron custosas porque incluíron a construción de novos piares e execución dunha nova cuberta de madeira e tellado. Toda a estrutura está a ser recuberta con pintura pétrea. Ao mesmo tempo, foi necesario realizar unha limpeza integral de todos os elementos, así como un encintado exhaustivo para evitar perdas e filtracións.
O pilón sitúase xusto entre Laxoso de Arriba e Abaixo e resulta moi visible dende a estrada, polo que a súa restauración constitúe tamén un elemento de autoestima para os veciños.
Dende o goberno tripartito sinalaron que antes de que remate o ano terán executado, cando menos, unha obra pedida polos veciños en cada un dos 33 núcleos de poboación, unha circunstancia que resposta á política de participación veciñal do Concello, a través de asembleas nas que os propios veciños priorizan as obras municipais no seu entorno.