Combarro, escenario este sábado dos II Xogos Populares da Armadiña
Por Redacción
A Praza da Chousa de Combarro acollerá este sábado 24 de setembro, a partir das 16.00 horas, a segunda edición dos Xogos Populares que organiza a ACDeM Armadiña.
Un ano máis, esta asociación cultural aposta pola recuperación das tradicións culturais do municipio e ofrecerá un programa diverso e elaborado, ampliando as posibilidades de entretemento de nenos e maiores.
As actividades desenvolveranse creando diferentes espazos simultáneos dedicados a distintos xogos e categorías, diferenciando tamén os xogos individuais dos colectivos.
Así, o espazo Xandobeleira será unha ludoteca para todas as idades onde poderán gozar de diferentes xogos elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos.
O espazo Divírtete estará destinado ás familias e público xeral, estando composto por tiro da soga, trompo, corda, pano, mariola, brilé, zancos, corda, a ra, bolos celtas e o aro.
Tamén haberá espazos para a práctica do deporte da billarda, para xogos de pau e para a loita tradicional galega, este último coordinado polo club A Cambadela de A Estrada.