Solucionan un problema de inundacións de augas pluviais na Reigosa
Por Redacción
Unha vivenda da parroquia da Reigosa en Ponte Caldelas resolveu estos días os seus problemas coas inundacións que sufría todos os invernos por culpa dos defectos na rede de canalización de augas pluviais municipal. A incidencia solventouse coa limpeza da canle de baixada do monte da Fracha, coa instalación dun tubo de mil centímetros de diámetro, deixando o problema definitivamente resolto.
O alcalde, Andrés Díaz, visitaba as obras destacando a resolución de problemas existentes de anteriores mandatos. A auga desbordaba sobre a pista porque o tubo de pluviais desembocaba noutro de tamaño inferior ao chegar á zona da estrada provocando inundacións na vivenda chegando a niveis de auga de ata 25 centímetros.
Durante o último ano, o goberno local informou de que ten reparado quince baixantes de augas naturais en todo o territorio municipal que causaban inundacións en diferentes núcleos rurais.
Por outra banda, o Concello está a acondicionar o parque infantil da Reigosa. Segundo o goberno local, os bancos de pedra atopábanse rotos. Vai instalarse un valo de madeira para impedir a entrada dos animais, cando finalice a limpeza xeral.
O alcalde indicou que existe unha débeda histórica coa zona da Reigosa onde, segundo apuntou, non se realizaban investimentos durante anos e que o equipo de goberno quere afrontar as cuestións pendentes.