A posta a punto dos colexios de Sanxenxo xa rematou e custou 50.000 euros
Por Redacción
O curso escolar comezou cos sete colexios de Sanxenxo renovados. As concellerías de Educación e de Servizos aseguran que atenderon todas as demandas expostas polos centros escolares que se puideron acometer con persoal do departamento de Servizos e complementounas con contratacións puntuais de empresas de carpintería, aluminio e fontanería.
A día de hoxe pódense dar por rematadas todas as obras de mantemento nos sete centros tras un investimento de 48.000 euros, 28.000 euros do Concello e 20.000 euros da Consellería de Educación.
Segundo a información facilitada polo Concello, o maior investimento levounu o colexio de Portonovo. Un gasto próximo aos 17.000 euros permitiu iniciar a substitución dos ferros de linóleo nas aulas de Infantil e tamén se limpou o tellado nesa zona; reparáronse os canlóns das zonas de Infantil, Primase e o ximnasio; arranxouse o tramo da beirarrúa de entrada e colocouse plaqueta na parte de atrás do patio de Infantil, entre outras obras de mantemento.
No colexio Telleiro procedeuse á substitución da carpintería exterior, moi deterioradas pola salinidade do ambiente, o que derivaba en problemas de illamento que incrementaban o consumo de calefacción e tamén se substituíron as portas correderas de varios armarios encaixados e reparáronse gretas.
No colexio da Florida acondicionouse e pintou fachada do patio interior do edificio principal, aliñouse e pintou o teito exterior da entrada, reparáronse desconchados de pintura nunha aula, retiráronse portas de armarios en dúas aulas e arrombaron a parede das xanelas nunha delas.
En Magaláns a actuación máis destacable foi a colocación de dobre xanela nas aulas da planta superior do edificio principal e a brigada de Servizos reforzou un muro na esquina para salvar o desnivel do parking, xunto á antiga casa de cultural, onde se instalou unha varanda nas escaleiras que dan acceso a esta zona de estacionamento.
En Nantes pintaron o aulta de terceiro de Educación Primaria; elevaron o peche do centro que linda coa vía rápida; pintaron canastras, repararon o alicatado nun baño, pintaron a estrutura metálica do patio cuberto de Infantil e arranxaron un muro.
No colexio Cruceiro procedeuse ao vernizado do chan de cortiza de varias aulas; o pintado de varias aulas; a colocación de cortiza en varias paredes e o arranxo de diversas plaquetas.