Rafael Cuiña pide a disolución da Deputación da que seu pai foi presidente
Por Natalia Puga
Rafael Cuiña recorda a súa infancia, cando "de neno estiven neste Pazo" da Deputación de Pontevedra como fillo do entón presidente, o 'popular' Xosé Cuiña Crespo. O seu pai presidiu esta Administración entre 1987 e 1990 e agora el, como coordinador provincial de Compromiso por Galicia (CxG), pide a disolución do organismo provincial.
Acudiu hoxe venres 22 de febreiro ao Rexistro da Deputación acompañado polo secretario xeral do seu partido, Xoán Bascuas, para presentar unha petición de que o próximo Pleno da Corporación Provincial "valore e debata a posible disolución" da institución.
Cuiña explicou que a Deputación é un organismo "anacrónico" que "non seu día cumpriu unha función importante e moito máis en Galicia, pero agora son entes caciquís perfectamente prescindibles dende ou punto de vista político e da austeridade".
Consciente do 'morbo' suscitado polo feito de que acudise a pedir a disolución da Deputación presidida polo seu pai respondeu ás preguntas dos medios de comunicación que "estaba esperándoa" e que "independentemente do que fora meu pai, eu formo parte da executiva dunha agrupación política distinta". De todos os xeitos, non censurou directamente a etapa na que o seu pai presidiu o organismo, senón máis ben todo o contrario pois "xa dixen que esta Deputación en tempos si tivo" un sentido de existencia pero que iso foi "históricamente e agora estamos no século XXI".
Completou a referencia á posible colisión de intereses entre a vida política do seu pai e esta petición presentada por rexistro sinalando que "teño que ser coherente" coas súas ideas políticas e que, na súa opinión, as deputacións son "administración que non son elixidas polos cidadáns" e que realiza "políticas caciquís", en especial o actual presidente provincial pontevedrés, Rafael Louzán, ao que cualifica de "exactamente, o antipolítico, por así dicilo".
Xoán Bascuas fixo referencia ao Anteproxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da. Administración local e criticou que "opacado o debate sobre as competencias das Deputacións" cando "están xestionando 600 millóns de euros en Galicia" que, dende o seu punto de vista deberían pasar a ser xestionadas pola Xunta de Galicia. Cuestiona, ademais, que "nun momento de dificultades ou que facía falta é moito diálogo e aquí pasouse o rodillo".