Carme da Silva arremete contra Rafael Domínguez con berros de "fascista"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Pleno do Concello de Pontevedra viviu este xoves un agrio enfrontamento entre os concelleiros do Partido Popular e os do grupo de goberno do BNG.
Todo empezou cando o edil do Partido Popular, Rafael Domínguez, definiu como "actitudes dictatoriales del alcalde" a "falta de transparencia" e a "improvisación" que, ao seu xuízo, existe nas contratacións municipais.
Tamén acusou de "clientelismo" ao rexedor, Miguel Anxo Fernández Lores, porque "ocho de cada diez contratos del ayuntamiento con empresas, son adjudicaciones directas y sin publicidad". Para rematar asegurando que "la falta de transparencia y la corrupción son las dos caras de la misma moneda".
A réplica foi do concelleiro de Facenda, Raimundo González, quen definiu a postura dos populares como "esperpéntica" xa que a oposición "ten voz e voto en todas as mesas de contratación e non van a ningunha", e defendeu a importancia económica destas contratacións para as empresas da cidade.
A sorpresa foi a airada reacción da tenente de alcalde, Carme da Silva, que irrompeu sorpresivamente neste cara a cara para gritar "ti es un fascista, ti es un fascista", ao popular Rafael Dominguez. Un insulto que máis tarde retirou.
O portavoz do PP, Jacobo Moreira e o propio alcalde sumáronse á discusión aberta, un criticando "a actitude daqueles que perderon as eleccións" e o outro mostrándose "orgulloso dunha xestión económica brillante".
Curiosamente, foi o concelleiro socialista Tino Fernández quen acougou os ánimos cunha nota de humor ao lembrar a todos que xa terminou a campaña electoral e que "é normal que nós esteamos crispadiños, pero o resto…".