Belas Artes e Arquitectura comezan un proxecto colaborativo
Por Oskar Viéitez
A facultade de Belas Artes acolle o venres 7 de outubro unha xornada aberta á participación de estudantes de último curso e titulados, así como doutros tantos de Arquitectura que pretende ser unha oportunidade de coñecemento do que entre as dúas disciplinas poden achegar ao mundo da educación.
É o punto de partida dun proxecto colaborativo que ten como horizonte o ano 2018 cando se desenrolará en Pontevedra a I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para a Infancia e a Mocidade, Ludantia, que promove o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG).
Como paso previo, comezarase a debater e difundir proxectos educativos e de investigación que traballen co espazo público, cos nenos como protagonistas, será un dos obxectivos destas xornadas, nas que se presentará unha selección dos proxectos educativos, que ao longo do presente curso, se desenvolverán ao abeiro deste proxecto nos centros de ensino de Galicia.
Proxectos que terán como eixo a reflexión e transformación do espazo público e aos que contribuirá o coñecemento xerado nas aulas da Facultade de Belas Artes, a través dos seus estudantes e egresados, que poden colaborar como asesores externos, formando equipo con alumnado e titulados en Arquitectura, das iniciativas que se desenvolvan en escolas infantís, colexios ou institutos.