O Pleno aproba a solicitude de incorporación de Ponte Caldelas á Área Metropolitana de Vigo
Por Oskar Viéitez
O Pleno ordinario de Ponte Caldelas celebrado na tarde-noite deste xoves, aprobou a solicitude de incorporación de Ponte Caldelas á Área Metropolitana de Vigo. O grupo municipal do Partido Popular votou en contra.
A solicitude será enviada ao Consello da Xunta, que debe aprobala previo informe favorable do órgano da entidade supramunicipal. Deste xeito, o municipio caldelán aposta por integrarse nunha entidade formada agora mesmo por 14 municipios e que, segundo o previsto, crecerá ata un total de 28.
Tamén aprobáronse todos os puntos da orde do día, no que destacan as novas ordenanzas de regulación da Convivencia e Limpeza, abastecemento de auga e do imposto de Vehículos de Tracción Mecánica.
PANCARTA
Por outra banda, no balcón da Casa do Concello de Ponte Caldelas está pendurada dende este venres a pancarta que vai presidir a manifestación convocada para o sábado, "contra a cacicada da PO-234", é dicir, a decisión da Xunta de Galicia de acometer só o tramo de Augasantas-Portasouto (no municipio de Cotobade) e deixar sen arranxar as perigosas curvas de Laxoso (Ponte Caldelas) desta estrada autonómica.
A mobilización, que conta co apoio da Plataforma veciñal de Ponte Caldelas e Cotobade, foi convocada polo Concello e, despois de que a Xunta Electoral Provincial impedira a súa celebración na campaña electoral, foi aprazada para o primeiro sábado seguinte. O goberno local caldelán, integrado pola unión dos grupos do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, cumpre así o compromiso de mantela "gañase quen gañase" nas recentes eleccións autonómicas.