Pechou Comercial La Granja despois de 55 anos de traballo
Por Oskar Viéitez
Era un dos comercios tradicionais de Pontevedra e acaba de pechar as súas portas despois de 55 anos.
Comercial La Granja abriu ao público no ano 1961 da man de Pepe e Mari, nun pequeno local da rúa Benito Corbal. Naquel establecemento, ademais de pensos e poliños para a cría, vendíanse ovos e pitos para o consumo. Do reparto a domicilio encargábase Ricardo co seu isocarro.
Así o lembra a familia Márquez nun cartel pegado no escaparate do local da rúa Cobián Roffignac. Un establecemento este que se abriu no ano 1980 cando xa se incorporaron os fillos ao negocio familiar que empezaba a quedar pequeno. De tal xeito que Benito Corbal especializouse en animais de compañía da man de Sesé e a Cobián Roffignac trasladouse todo o relacionado coa agricultura e animais de granxa con Ricardo e Carlos á fronte.
"Desde o noso mostrador vimos crecer a moitos de vós, viñades cos vosos avós ou os vosos pais e seguistes vindo, agora cos vosos fillos", destaca a familia Márquez nunha mensaxe aos seus clientes e coñecidos a quenes agradecen a fidelidade ao longo destes anos "porque fostes vós os que contribuístes a facer que o proxecto de Pepe e Mari fose posible". Igualmente piden desculpas por "se nalgún momento fallámosvos".
Este é precisamente "o valor máis importante" da súa empresa "a proximidade aos clientes", aquilo de saudar polo nome ao que entra pola porta, o deterse dez minutos para preguntar pola súa vida ou escoitar ás persoas cando hai algún problema, mesmo abrir media hora antes para poder atender aos que se ían ao traballo e non podían vir a outra hora.
Na súa despedida, a familia Márquez lembra a tres dos seus membros que xa non están: Ricardo, Manolo e Luís.
En definitiva, son momentos "de sentimentos contraditorios, imos con pena pero coa sensación do traballo ben feito, con ganas de empezar a gozar destoutra etapa da nosa vida, poder gozar dos nosos fillos e netos e dos seus proxectos".