O Supremo tomba o intento de Construcuatro de evitar a demolición do edificio Valle Inclán, no Paseo de Silgar
Por Oskar Viéitez
Unha providencia do Tribunal Supremo inadmite o incidente de nulidade presentado por Construcuatro en relación coa execución da sentenza que ordena demoler parcialmente en edificio Valle Inclán, en Sanxenxo.
Segundo informou o presidente da Asociación Ecoloxista "Salvemos Pontevedra", Francisco Díaz, o pasado mes de xullo a construtora interpoñía un incidente de nulidade "como unha sorte de terceira instancia" coa intención de que o Alto Tribunal reconsiderase os seus fundamentos xurídicos, o que "resulta inadmisible por ir en contra da natureza do incidente e o seu carácter excepcional", apunta Díaz.
Lembremos que recentemente o Tribunal Supremo desestimaba o recurso de casación presentado pola empresa Construcuatro e a comunidade de propietarios do edificio Valle Inclán contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que obriga a derrubar parte da súa fachada. A obra foi levantada cando Telmo Martín era alcalde e conselleiro delegado da empresa construtora.
Salvemos Pontevedra, a asociación que interpuxo a denuncia contra Construcuatro pola construción do edificio de seis plantas de Construcuatro en pleno paseo de Silgar, sinala que a presentación deste incidente non é allea ao feito de que ese Alto Tribunal devolvese as actuacións ao tribunal de instancia para levar a puro e debido efecto a súa sentenza, firme e ratificada.
Isto lévalles a pensar que a finalidade da interposición do incidente de nulidade de actuacións carente de toda xustificación é, fundamentalmente, de carácter dilatorio, ante a inminencia da execución da sentenza.
Así o entende o Tribunal Supremo que, con data 21 de setembro de 2016 resolve que: "procede inadmitir a trámite dita solicitude, dado que a tutela xudicial satisfaise cun pronunciamiento como o que contén a sentenza cuxa nulidade se interesa." E sendo firme e ratificada a sentenza, procede a súa execución no prazo establecido.