A pesca conxelada crea un milleiro de empregos directos no Porto de Marín
Por Redacción
Desde este martes e ata o vindeiro xoves, as principais empresas frigoríficas do Porto de Marín estarán presentes en Conxemar, a Feira Internacional de Produtos do Mar e Conxelado, para dar a coñecer a súa oferta de servizos e mostrar a fortaleza dun sector que se afianzou como un referente económico para a comarca marinense.
Entre as máis de 500 casetas de todo o mundo que se reúnen no Ifevi están presentes empresas situadas no Porto de Marín como Galfrío, Marfrío, Cabomar, Pesmarín, Safricope, Rosa de los Vientos, Dart, Frioantartic ou Pérez Torres Marítima, ademais da naviera alemá Hamburg Süd.
As plantas frigoríficas situadas no Porto de Marín dedicadas fundamentalmente á recepción, almacenamento e procesado de pesca conxelada son un dos principais motores económicos para toda a comarca. No seu conxunto superan os 1.000 postos de traballo directos aos que habería que sumar as subcontratas que traballan habitualmente para estas compañías (talleres, vixilancia, limpeza, subministracións, etc.).
Gran parte das empresas frigoríficas implantadas no porto contan ademais con salas de elaborado de peixe, unha das actividades que máis empregos crean na zona.
O Porto de Marín conta no seu conxunto cunha capacidade de almacenamento frigorífico que alcanza os 262.000 metros cúbicos concentrados nun único recinto.
Desde as plantas de frío do Porto de Marín expórtanse produtos elaborados aos principais mercados de Europa e algúns dos produtos recibiron varios recoñecementos e galardóns por parte dos consumidores.
Ademais, Marín conta cunhas modernas e áxiles instalacións no Posto de Inspección Fronteirizo, unha terminal de colectores con máis de 500 conexións reefer e industrias auxiliares do sector (talleres, frío, electrónica, construción e reparación naval, etc).