Preocupación entre os policías pola posta en liberdade do motorista que circulaba pola zona vella ebrio e armado
Por Oskar Viéitez
A Unión Federal de Policía (UFP) acaba de solicitar a concesión de medallas para os axentes que con "rapidez e profesionalidade" impediron que un motorista ebrio e armado puidese atropelar a alguén ou ferilo "mesmo con resultado de morte coas armas que portaba".
Dita actuación tivo lugar sobre as 3 da madrugada da pasada fin de semana, mentres a patrulla policial realizaba a súa rolda nocturna observaron como unha motocicleta circulaba a gran velocidade por dirección contraria por zona peonil da zona vella. Inmediatamente iniciouse unha persecución para paralo e evitar que un peón puidese saír ferido ante tal imprudencia.
Unha vez que puideron darlle o alto, para a súa sorpresa, ao realizarlle o preceptivo cacheo de seguridade a este individuo "un vello coñecido da Policía", ocupáronlle un pincho de grandes dimensións e un arma de fogo montada e amartillada, é dicir, lista para disparar, o cal "daba claros indicios de que esta persoa pensaba facer uso dela".
Por iso cando a UFP soubo que tan "rapidamente" foi posto en liberdade "quedámonos entre sorprendidos, preocupados e coa moral baixa, polo risco que correron os compañeiros", afirma este sindicato policial.